Repertorio

       CANTIGA POPULAR
A finais do século XIX, o boticario pontevedrés D. Perfecto Feijoo xunta, case clandestinamente, a un grupo de persoas interesadas na cultura musical galega e fundan o coro Aires da Terra. Aqueles pioneiros estaban a comezar un camiño que seguirían moitos dos chamados coros históricos e que, logo de máis dun século, aínda continúan numerosos grupos en Galicia. No ano 1904, o coro Aires da Terra leva a cabo o que sería o primeiro rexistro sonoro da música tradicional galega. Entre os 18 temas gravados, atopábase a “cantiga popular”. Queremos comezar esta actuación cunha versión propia deste tema tan coñecido, para dicir con orgullo de onde vimos, e expresar, con respecto das nosas tradicións, cara a onde pretendemos ir.

       O FARO DE MONTEDOR
Os días de brétema pecha, no comezo da Costa da Morte, escóitase o urrar dunha vaca en varias millas á redonda. É o son do faro de Fisterra, que avisa aos mariñeiros do perigo de achegarse moito aos rompentes da costa. Esa é a súa finalidade: avisar, iluminar, protexe, por iso son os mellores amigos dos mariñeiros. No caso do Faro de Montedor, situado entre Viana do Castelo e Vila Praia de Áncora, anuncia tamén, a chegada á casiña para os mariñeiros galegos que volven das campañas polos mares do Sur.

     RIBEIRANA DE VIGO
O 7 de decembro de 1954, o grupo da sección feminina de Vigo, interpretou no teatro María Guerrero de Madrid esta ribeirana, describíndoa coma un baile típico das Rías Baixas, máis vivo que a muiñeira. Vinte e seis anos máis tarde, o cantautor galego, Suso Vahamonde, foi condenado a seis anos de prisión por cambiar parte da letra desta canción. No contexto dun recital en contra das nucleares, incluíu na canción o popular retrouso: uah!, falemos galego xá!!.

     FOLIADA DA RIBEIRA (DOS DEZAS)
Unha das fontes documentais para o noso repertorio, e quizais a máis importante, son as nosas familias. O Casco Vello de Vigo, lonxe de parecer un agresivo entorno urbano, sempre se achegou máis ao estilo de vida dos pequenos pobos mariñeiros. Mercábase de todo nas tendas de ultramarinos, as tabernas estaban ateigadas de homes do mar xogando á brisca, os nenos xogaban as bolas entre as pedras dos adoquíns das rúas... e toda a vida se desenvolvía co son de fondo dalgún veciño ou veciña cantando. Cantábase ao tender a roupa, varrendo a casa , fretando a roupa contra as pedras do lavadoiro da Barroca, tomando unhas “chiquitas” polas tabernas ... e, por suposto, en tódalas festas importantes en que se reunía a familia. Aí era onde saían á luz aquelas cantigas case esquecidas que falaban do “incendio do kiosco da Porta do Sol”, ou da chegada da luz eléctrica a alameda, ou, como neste caso, dunha fermosa melodía de jota, gardada na memoria de Flora Rodríguez. 

     ALALÁ DE MUXÍA
Ao pé do mar, en plena Costa da Morte, a escasos metros de onde baten as fortes ondas, érguese o modesto santuario da Virxe da Barca, moi preto do pobo de Muxía.
Conta unha lenda que a virxe chegou a este lugar nun barco de pedra para darlle forzas ao apóstolo Santiago, ante a difícil tarefa de adoutrinar as xentes do lugar. Os enormes penedos que se espallan polo promontorio son os restos daquel barco. Así temos a famosa “pedra de abalar”, que sería o casco do barco, a “pedra da vela”, tamén chamada “pedra dos cadrís”, pola forma triangular de vela latina, a “pedra do temón”... O mar bate fortemente nestas formacións megalíticas, chegando a movelas de lugar varios metros.  Di a mesma lenda que a imaxe da virxe apareceu debaixo dunha destas pedras, e foi levada para a igrexa da vila, pero misteriosamente desapareceu para volverse a atopar no mesmo lugar onde aparecera. Así foi que naceu o santuario da Virxe, para deixala vixiante sobre o mar que a vira chegar. Neste entorno tan hostil para a pesca, os mariñeiros encomendan as súas vidas a milagreira imaxe, como así reflexa este tradicional “canto de mariñeiros de Muxía”, tamén chamado “alalá de Muxía”.

 FOLIADA DE ANLLÓNS
Se a virxe da Barca é a patroa dos mariñeiros de Muxía, a virxe do Carme é avogada de tódolos mariñeiros. Pódeselle ter máis ou menos fe, ser máis ou menos relixioso, pero á hora de embarcar, tódolos homes do mar lle piden a súa patroa ter unha boa campaña e regresaren con ben ao fogar. A seguinte cantiga ven das terras coruñesas de Bergantiños, e formou parte do repertorio de varios coros galegos, como o de Cantigas da Terra, que gravou este mesmo cantar no ano 1953.

FOLIADA DE VILAXOÁN
A corrente quente do Océano Atlántico penetra ata o fondo da Ría de Vilagarcía, traendo consigo bancos de exquisita sardiña. O pobo costeiro de Vilaxoán especializouse dende o século XVIII na pesca e posterior comercialización da sardiña salgada. En 1933, un texto sobre a festa da exaltación da sardiña nesta mesma vila aseguraba que:  Si Carril presume en justicia de sus excelentes criaderos de mariscos, únicos en el mundo, a Vilaxoán de Arousa nadie le disputa la supremacía de sus sardinas, cuyas Revenidas no admiten rival en los mares conocidos... y aún más
Pero, que son as famosas revenidas? O propio Picadillo escribía en 1905 a receita que lle proporcionou unha veciña da zona:
Tómanse as sardiñas que se desexen. Lávanse, sécanse e cubrímolas con sal gorda deixándoas permanecer así de doce a vinte e catro horas. Colócanse nunha parrilla e póñense sobre as brasas. Cando están asadas por un lado, dáselles a volta deixándoas sobre o lume ata que quedan feitas tamén polo outro. Sérvense no intre mesmo de sacalas da parrilla.

      ALALÁ DOS MORENOS
Versión do tema Alalá de Pontevedra, gravado polo afamado grupo de gaitas Os Morenos de Lavadores, no ano 1968. Contaban eles mesmos que fixeran esta peza xuntando varios temas  que escoitaran en discos vellos de formacións corais. Menos a primeira copla, na que eles adoitaban cantar “Pontevedra é boa vila, da de beber a quen pasa, a fonte da Ferrería, San Bartolomeu na praza”, as outras coplas recolléronas das que eles lembraban. 

       FOLIADA DE NEGREIRA
Cando vimos esta fermosa melodía nun cancioneiro coral galego, non sabíamos da existencia da gravación desta foliada no ano 1922 polo xa mencionado coro Cántigas da Terra. A partitura orixinal estaba exenta de retrouso musical, polo que optamos por lle poñer un acompañamento sinxelo de pandeireta. De seguro, que foi esta a cantiga na que se fixou o gran Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para compoñer esta fermosa historia que sae no seu libro “Cousas”.

Unha rúa nun porto lonxano do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xente de tódalas castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, a música de pianolas chocas, moito fedor a sebo…
Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de amizade, cada un no seu falar. E sen entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntais.
O mariñeiro que fala francés e mailo mariñeiro que fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perde-lo sentido xuntos, para seren máis amigos. ¡Quen sabe se despois de ben borrachos poderán entenderse!
E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo comeza a cantar:
Lanchiña que vas en vela;
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.
O mariñeiro que fala francés arregala os ollos, abrázase ó compañeiro, e comeza tamén a cantar:
Lanchiña que vas en vela;
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.
¡¡A-iu-hú-hú!! Os dous mariñeiros eran galegos.
O taberneiro, gordo como un flamengo de caste, viu saí-los dous mariñeiros da tarberna e pola súa faciana vermella escorregaron as bágoas. E despois dixo para si nun laído saudoso:
¡Lanchiña que vas en vela!
Tamén o taberneiro era galego.

            FOLIADA DO LÉREZ
O mar. Sempre o mar. Curte a nosa pel, salga os nosos beizos, perfuma a ribeira co seu aroma salgado, arrodéeanos, enfeitiza, deixámonos arrolar co vaivén das ondas … as xentes das rías baixas somos mar, estamos feitos en parte deste elemento salgado que non poderemos disociar nunca das nosas vidas. A escuma que o mar salpica e que ten na praia o varadoiro, o arume dos pinos que abana o vento, os areais dourados e infindos, todo iso e moito máis e a nosa terra. Somos nós.

      FOLIADA MARIÑEIRA
Os Dezas de Moneixas cantaron esta foliada no lugar de A Praia, no concello da Estrada, en 1969. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario