Alalá moi antiguo e popular, cantado por moitos e moitas cantantes e grupos en Galiza. O Orfeón teno dende os inicios no seu repertorio. O video corresponde a actuación da II Cea da Reconquista da Vila de Vigo, celebrada o 24 de outubro de 2012 na Estación Marítima do Porto de Vigo.
2012/11/17
2012/11/14
Cantiga Popular
Ao igual que os vídeos publicados anteriormente, este pertence tamén, á nosa intervención na II Cea da Reconquista da Vila de Vigo
2012/11/02
Lanchiña que vas en vela
UNHA RÚA NUN PORTO LONXANO do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xentes de todas as castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, música de pianolas chocas, moito fedor a sebo...
Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de gran amistade, cada un no seu falar. E sen entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntales.
O mariñeiro que fala francés e mais o mariñeiro que fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perder o sentido xuntos para seren máis amigos. ¡Quen sabe se despois de ben borrachos poderán entenderse!
E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo, comenza a cantar:
Lanchiña que vas en vela,
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.
O mariñeiro que fala francés arregala os ollos, abrázase ao compañeiro, e comenza tamén a cantar:
Lanchiña que vas en vela,
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.
¡¡A-iu-jú-jú!! Os dous mariñeiros eran galegos.
O taberneiro, gordo coma un flamengo de caste, veu saír aos dous mariñeiros da taberna e pola súa faciana vermella escorregaron as bágoas. E dispois dixo para si nun laído saudoso:
.
¡Lanchiña que vas en vela!
Tamén o taberneiro era galego.
* Este texto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pertence á súa obra Cousas (1926).
2012/10/28
Foliada Mariñeira
Esta peza popular recollida dos Dezas de Moneixas (Lalín), foi parte da actuación do Orfeón Mariñeiro do Berbés na Cea da Reconquista da Vila de Vigo, celebrada o 24 de outubro de 2012, na Estación Marítima do Porto de Vigo.
O Orfeón, dirixido por Luís Prego, cantaba por primeira vez en público.
A grabación fíxoa o amigo Miguel Vázquez Carballeda.
O Orfeón, dirixido por Luís Prego, cantaba por primeira vez en público.
A grabación fíxoa o amigo Miguel Vázquez Carballeda.
2012/10/24
A xeito de presentación
O orfeón nace como xeito de organizar o que adoitaban a facer os veciños veciñas do barrio cando se xuntaban nunha festa, nun xantar ou despois dunha reunión. Isto é, cantar xuntos as cantigas que unha ou outro iban entonando e aos que seguían os demais.
As clases de canto comezan en outubro de 2011 da man do mestre e director Luís Prego, cada xoves, entre as nove e as case once da noite, no local da Asociación Veciñal.
Nada de cantar dende o primeiro momento. Exercicios de respiración, exercicios para quentar as cordas vocais, de entonación, formaron e seguirán a formar parte dos contidos de cada clase. E aos poucos foron incorporando novas cantigas populares, mariñeiras e tabernarias ao seu repertorio.
Chegoulles a primeira oportunidade de intervir en público, e fixérono na cea da Reconquista de 2012, o sábado anterior á celebración da Festa. Xogában na casa, e recibiron o aplauso da veciñanza que celebraba a cea de época de 1809. Na semana seguinte, tiveron a oportunidade de cantar dúas pezas con de Ardentía, no concerto da Festa da Reconquista.
O día 29 de xuño interviron na primeira edición dos Cantos de Taberna organizados polo Concello de Pontevedra, recuncando o 17 de agosto, nas Festas da Peregrina.
Esta experiencia da que forman parte máis de trinta persoas, mulleres e homes, dende os vinte aos máis de setenta anos, xestouse cando logo de cantar, os veciñós e veciñas falaron da posibilidade de montar un orfeón mariñeiro que encarnara a tradición dos cantares de taberna do Berbés e, dalgún xeito, tomara o relevo ás Cantadeiras do Berbés. De certo, algunhas delas forman parte do grupo coral. Lanzada a idea, cumpría ter un director e xente disposta a formar parte do grupo. Fíxose a convocatoria, como curso de iniciación ao canto coral, e xa están pensando en constituírse como Orfeón, para compartir con quen queira divertirse con eles e elas as cantigas que van aprendendo polos seráns, tabernas, torreiros e palcos do país.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)