UNHA RÚA NUN PORTO LONXANO do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xentes de todas as castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, música de pianolas chocas, moito fedor a sebo...
Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de gran amistade, cada un no seu falar. E sen entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntales.
O mariñeiro que fala francés e mais o mariñeiro que fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perder o sentido xuntos para seren máis amigos. ¡Quen sabe se despois de ben borrachos poderán entenderse!
E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo, comenza a cantar:
Lanchiña que vas en vela,
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.
O mariñeiro que fala francés arregala os ollos, abrázase ao compañeiro, e comenza tamén a cantar:
Lanchiña que vas en vela,
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.
¡¡A-iu-jú-jú!! Os dous mariñeiros eran galegos.
O taberneiro, gordo coma un flamengo de caste, veu saír aos dous mariñeiros da taberna e pola súa faciana vermella escorregaron as bágoas. E dispois dixo para si nun laído saudoso:
.
¡Lanchiña que vas en vela!
Tamén o taberneiro era galego.
* Este texto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pertence á súa obra Cousas (1926).
No hay comentarios:
Publicar un comentario